jueves, 26 de diciembre de 2013

ESTAMOS NO NADAL

Ao longo deste mes fixemos moitas e variadas actividades. Unha da que disfrutamos moito foi o ensaio da obriña que puidemos representar no festival que tivo lugar o xoves 19 no cine Alovi.
Ao mesmo tempo argallamos adornos tanto para o corredor de primaria, consistente nunha arboriña que fixemos a medias coa clase de 4º e outros adornos para a aula sen esquecer a carta aos Reis Magos que xa foron enviadas a semana do festival.
Participamos con debuxos ben bonitiños para o concurso do calendario de AMA 2014. A proposta era facer composicións con froitas da nosa comarca. Á nosa clase tocounos debuxar peras e figos. Felicidades a todos e todas pero en especial a Andrea e Destaw que foron os elexidos, nesta ocasión, para formar parte deste calendario.
Teño que felicitar a estes nenos e nenas de 1º  polo que traballaron , aprenderon  e ensináronme neste 1º trimestre. Non me refiro só ao que ten que ver co concepto académico (que tamén) senón polo esforzo e as gañas que lle poñen a todo o que propoñemos dentro da aula. 
E sobre a súa actuación o día do festival, cos nervios que tiñan, fixéronno xenial!. Otítulo "Un outono moi quente", e a mensaxe que nos deixa é unha proposta para todos nós: "Cando unha árbore morre, outra debes plantar, así os nosos bosques poderemos conservar".
BO NADAL E FELICES FESTAS PARA TODOS E TODAS!!!
DISFRUTADE DAS VACACIÓNS!!!

sábado, 30 de noviembre de 2013

SEMENTAMOS CASTAÑAS NA SEMANA INTERNACIONAL DOS BOSQUES AUTÓCTONOS

Seguimos contribuíndo a que os nosos bosques teñan vida. Este venres sementamos castañas de tres tipos, todas elas autóctonas. Para elo fomos co noso testo particular, reutilizando un tetrabrick, a enchelo de terra no viveiro do patio. Logo metimos dúas castañas (por se unha non da prendido) procurando que a parte máis picuda estivera cara arriba xa que por aí abrirá a raíz do novo castiñeiro. Esta vez imos coidalas na aula ata que teñamos unha plantiña de 15 ou 20 cm. Daquela levarémolas para o horto , transplantarémolas e cando sexa o momento irán a formar parte dos bosques que estamos a levar adiante dende a nosa Aula de Medio Ambiente. Trátase do Bañal e de Marraxón.
Aínda que o venres facía sol tamén facía moito frío, é por iso que nas fotos saímos abrigadiños.



martes, 26 de noviembre de 2013

XOGAMOS NO PATIO

Non hai nada mellor para correr o frío e, ao mesmo tempo, pasalo ben que botar unhas carreiriñas xogando a pés quedos ou pegar uns saltiños coa nosa corda preferida. Deste xeito tamén recuperamos xogos de toda a vida. O certo é que pasamos un rato ben chulo. E o que melloramos coa corda!!!!



domingo, 24 de noviembre de 2013

HISTORIAS SOBRE O XOGO DO XADREZ


O xadrez: unha ferramenta para ensinar a pensar.





sábado, 23 de noviembre de 2013

DÍA DOS BOSQUES AUTÓCTONOS

Un ano máis , hoxe é o día que se conmemora o día mundial dos Bosques Autóctonos. Sería boa cousa reflexionar un pouco sobre o rumbo que está tendo o noso mundo actualmente. A deshumanización estanos levando a un abandono  das nosas propias raíces.
Volvamos a mirada ao que temos máis próximo como son os nosos bosques e toda a vida que alí hai.Coidemos e disfrutemos dos nosos entornos naturais que son ben fermosos.
PLANTA UNHA ÁRBORE. PLANTA VIDA.
Pareceume fermoso este vídeo que reflexa unha historia verdadeira acontecida en Kenia pero que pode ser aplicada a calquera lugar do noso planeta.

viernes, 15 de noviembre de 2013

A NOSA BIBLIOTECA

Gústanos ir á biblioteca grande que está no pavillón de secundaria!. Hai tantos libros que non nos chega o tempo a nada. Disfrutamos de igual xeito se lemos individualmente como se compartimos lectura. A verdade é que esta espazo tan importante do cole quedou moi chulo dende que o equipo de Biblioteca a puxo tan colocadiña. Por iso nós deixamos todo como estaba antes de chegar. Temos que felicitar ás profes que fan que a biblio sexa un lugar tan agradable e acolledor!.
Imos amosar unhas fotos dalgún dos días que estivemos alí.
 

viernes, 1 de noviembre de 2013

PARTICIPAMOS NO CONCURSO DE FUNGOS E COGUMELOS

Con motivo da celebración da Feira de Fungos e Cogumelos estivemos preparando un traballiño alusivo a este tema. Disfrutamos facendo esa sinxela composición e ao mesmo tempo puidemos recibir un premio por ese cadro que presentamos. Podédelo ver aquí. 


martes, 29 de octubre de 2013

PARTICIPAMOS NO CONTO VIAXEIRO: O GROU CHASQUI

Estes dous últimos martes de outubro puidemos participar dunha actividade proposta dende Normalización Lingüística do Concello a través duns monitores que forman parte do grupo de traballo FABALOBA.
Trátase de elaborar un conto colectivo ilustrado entre todos os coles de primaria da localidade. A nós tocounos compartir experiencia co alumnado de 3º e outro martes traballaron na mesma historias os nenos e nenas de 2º.
A idea é moi boa xa que fomenta a interacción e o traballo en equipo. Tamén estimula a creatividade literaria e artística entre nenos e nenas.
A verdade é que foi unha experiencia chula que a podemos seguir entrando nesta páxina: http://cvaspontes.wordpress.com







viernes, 4 de octubre de 2013

BENVIDOS/BENVIDAS A UN NOVO CURSO

Logo de todo este tempo sen publicar ningunha nova, hoxe toca dar a benvida a un novo curso escolar e con elo a un  grupo de peques que este ano comezan unha nova andaina na súa vida. 
Trátase dos doce nenos e nenas que inician o curso de 1º de primaria e que se chaman: Xulián, Óscar, Andrea, Noa, Miguel, Érika, Daniel, J. Gabriel, Lara, Hermes A., Destaw e Ainhoa.
Xa levamos un mes coñecéndonos e coido que imos formar un moi bo equipo. Dá gusto poder compartir con eles este fermoso camiño que temos por diante todos os que formamos parte deste proxecto educativo que comezamos neste curso.
QUERO DAR A BENVIDA A TODAS AS FAMILIAS DESTES DOCE NENOS E NENAS E TRANSMITIRLLES A IDEA DE COLABORACIÓN QUE DEBE PREVALECER EN PROL DO BENEFICIO DESTES ALUMNOS QUE ESTREAN ETAPA ESCOLAR.

viernes, 21 de junio de 2013

FIN DE CURSO

Hoxe, venres 21 de xuño, foi o último día de curso e tamén o día que remata unha etapa de catro anos na que todos e todas aprendimos moitísimo dun xeito ou de outro xa que aínda que vos pareza mentira, eu tamén aprendín moito con vós.  Como ben sabedes houbo de todo, bos e regulares momentos, pero posto na balanza a inclinación é total para os momentos positivos.
Isto non é unha despedida, imos seguir véndonos a diario, como sabedes, sempre estarei moi orgullosa de vós e á vosa disposición para o que vos faga falta. Confío plenamente que non me ides a defraudar e que seguiredes sendo  alumnos e alumnas exemplares sen esquecer algúns dos conceptos máis importante aprendidos nestes anos, por exemplo: o respeto, a tolerancia, a solidariedade, o cariño co resto das persoas e cara ao traballo sen esquecer o coidado ao Medio Ambiente e o amor á nosa terra e ao noso idioma.
MOITA SORTE!!!!
Quero darvos as grazas polas sorpresas tan fermosas que me fixestes, quedou ben claro que me gustaron e que me emocionaron (sodes un pouco pillabáns!!). PD: Non quero esquecerme dos pais e nais aos cales lles agradezo profundamente a súa colaboración ao longo destes catro anos.
MOITAS GRAZAS !!!
Un bico para este grupo de 19 exalumnos/as de 4º!!
Disfrutade destas vacacións e deica setembro!!



miércoles, 19 de junio de 2013

EXCURSIÓN FIN DE CURSO

Este mércores fixemos unha excursión coa clase de 3º e as profes Loli e Angeles que disfrutamos moitísimo. A pesares de que a climatoloxía non acompañou moito, xa que chovía cando saímos, tivemos unha xornada do máis variada. Comezamos facendo parada en Oleiros onde unhas monitoras do CEIDA agardaban por nós para levarnos por un roteiro que resultou ben bonito. Puidemos apreciar a fermosura dunha natureza diversa, aprendimos de árbores, de bichiños, de costumes do rural, da nosa costa galega. Portámonos moi ben xa que andivemos preto de dúas horas disfrutando e aprendendo (e sen cansar case nada!).











 Logo de tomar un refrixerio voltamos ao autobús para ir ata o MUNCYT onde tamén agardaban por nós, e unha monitora foinos guiando e explicando todo o que alí había. Chamounos a atención os robots que nos falaban, todo o relacionado co avión 747 que teñen alí exposto,menudas dimensións!!. Fixemos obradoiros ecolóxicos por grupos. Puidemos xantar nunha sala que teñen preparada no interior do propio museo.






E de sorpresa final tivemos a sorte de que nos deixaran entrar ao estadio de Riazor. Alí tocamos o campo e tiramos varias fotos. 








 
A todas as persoas que estiveron con nós neste día especial para nós MOITAS GRAZAS!!!.