Este domingo, día 26, celébrase o Día Mundial da Educación
Ambiental, unha efeméride que tivo a súa orixe na Declaración da
Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente, celebrada en
Estocolmo (Suecia), en 1972, e que veu supoñer un antes e un despois na
visión das cuestións medioambientais desde a dimensión educativa,
expoñendo a necesidade de criterios e principios cos que mellorar o noso
contorno.
Posteriormente, celebrouse un Seminario Internacional que dou como
resultado a Carta de Belgrado, na que se plasmaron as reivindicacións
fundamentais da educación ambiental, pasando a ser concibida como un
proceso dinámico e participativo que busca sensibilizar á poboación
sobre a problemática do medio ambiente, tanto desde unha dimensión
xenérica como específica, prestando especial atención ao espazo máis
inmediato de cada cidadán.
É por isto que se conclúe a necesidade de que a educación ambiental
traballe en varias frontes: a toma de conciencia sobre os problemas do
medio ambiente, o coñecemento, as actitudes, adquirindo valores sociais,
as aptitudes, interiorizando as habilidades necesarias para resolver os
problemas, a capacidade de avaliación, tendo en conta os condicionantes
ecolóxicos, políticos, sociais, estéticos e educativos, e, por suposto,
a participación, desenvolvendo o sentido da responsabilidade.
Porque non vale unicamente coñecer, senón que hai que aprender a
apreciar e a defender, pois a natureza, lonxe de ser unha fonte
inagotable de recursos ao noso servizo, é un ecosistema fráxil coas súas
propias esixencias.(Copiado da páxina de Sogama)