Este sábado 14 de xuño foi un día moi especial para todos e todas nós. Recollíamos un premio por un relato feito entre todos había unhas semanas. Se importante era ese recoñecemento aínda o era máis porque a persoa á que se lle adicaba este ano era Helena Villar Janeiro. E ela estaba alí!!!. Para os que seguides este blog sobra dicir o especial que é para min e para os meus nenos e nenas que esta gran muller estivera onte alí.
Sei perfectamente que estarían de moi boa gana os 11 alumnos que participaron nesta historia. Non puido ser pero houbo unha representación que foron Xulián, Noa e Érika. Agradecerlle a esas familias que se achegaran ata San Sadurniño onte pola mañá e ao resto decirlles que sei que estabades co voso pensamento. A todos e todas moitas grazas!!!.
Levaba algo parecido a un discurso que paso a deixalo aquí tal cual o dixen alí:
"Moi bo día. Hai uns meses e a través das redes sociais, coñecín a Helena Villar Janeiro, persoa a quen se lle adica esta convocatoria de Certame que nos trae hoxe ata este emblemático Pazo da Marquesa de San Sadurniño.
Teño que dicir que quedei engaiolada con esa maneira de ser, de ver a vida, de afrontar o futuro, da forza que transmite, da súa beleza interior, das gañas de seguir ensinándonos e desa grande humanidade.
Este acontecer reflexouse nunha investigación humilde no meu traballo e cos nenos e nenas de 1º de Primaria do CPI Monte Caxado das pontes, o noso cole.
Ser mestra é esa fermosa profesión que nos une e que nos permite educar, ensinar e sobre todo aprender día a día cos nosos alumnos.
Cando un día vin esta convocatoria de Certame pola Igualdade tiven moi claro que íamos participar por varios motivos:
1. O nome de Helena Villar Janeiro é moi grande para nós. Os seus libros de "Raúl" e "Un rato na casa" sonnos ben familiares.
2. O tema que había que tratar tamén nos era coñecido xa que esa teima é unha constante no meu día a día e reflicte directamente na didáctica de aula.
3. O grupo de nenos e nenas de 1º teñen ideas e gañas para facer o que se propoñan. E por enriba, neste caso o fútbol, é un deporte no que participan tanto elas como eles.
Así foi como naceu esta historia da "Amizade de Lois e Ana". Todos aportamos ideas, temáticas, nomes para os protagonistas, títulos. De todo o recollido votamos e así foi nacendo este relato que, finalmente, quixemos poñerlle imaxes facendo debuxos que ilustrarían esta pequena creación.
Estou convencida que educanndo en valores dende tan pequenos conseguiremos un futuro mellor, que tan necesitados estamos delo.
Moitas grazas por este premio: ao xurado, á empresa Bolboreta Animación por esta fermosa iniciativa, ás nenas e nenos da miña clase xunto coas súas familias que fixeron posible que estemos hoxe aquí e a todos os presentes por escoitarme.
Dou paso aos verdadeiros protagonistas que queren dicirvos algo".
XULIÁN: De parte de toda a nosa clase queremos dar as grazas por este premio. Gustaríanos que Helena levara un recordo de todos nós que fixemos con moito cariño.
ÉRIKA: Xa está feito dende o 23 de abril que foi cando limos na aula o libro de "Raúl". E tanto nos gustou que traballamos para facer este libriño coa idea de poder entregarllo algún día.
NOA: Estamos moi ledos de podelo facer hoxe aproveitando este día tan especial para nós. moitas grazas e estades todos e todas convidados a visitarnos ao noso cole.
PremioHelena - Movie Maker