viernes, 20 de junio de 2014

FIN DE CURSO

Rematou un curso cheo de bos momentos e de instantes ben fermosos. Hoxe tivemos como colofón un festival no pavillón do cole no que estes nenos e nenas de 1º fixeron de todo: cantaron, tocaron instrumentos, bailaron , disfrutaron coas súas actuacións e tamén vendo ás dos compañeiros.
Por iso e por todo o que traballaron durante todo este curso merecen unhas vacacións das de verdade.
Pasádeo moi ben este verán, desconectade do cole en todo. E aínda que no mes de agosto miredes de repasar un pouquiño seguide disfrutando para vir en setembro coas pilas ben postas!!!
BO VERÁN E DEICA SETEMBRO!!!
Unha aperta e moitos bicos!!!!

jueves, 19 de junio de 2014

CAMIÑATA POLO ENTORNO DO EUME

Como vimos facendo estos últimos 6 cursos no seu remate e organizado dende a aula de medio ambiente xunto co departamento de E.F., o alumnado dende 1º a 4º de primaria fixemos unha saída para seguir coñecendo as fermosas paraxes que ten a nosa vila.Fomos as 4 titoras e o profe Pedro. Esta vez foi un percorrido dende a Ribeira Nova ata o pantano que o cruzamos e baixamos pola outra beira do río por un sendeiro que foi aberto e habilitado polo grupo de montaña O Caxado. Chegamos ata esa área recreativa onde disfrutamos dunha merenda e dun ratiño de xogos.
Agradecementos a este grupo de xente do club de montaña que sempre están ao noso dispor. E neste caso por doble partida polo traballo que fan habilitando sendeiros e rutas que logo podemos disfrutar todos os veciños das Pontes. MOITAS GRAZAS!!!!

sábado, 14 de junio de 2014

1º PREMIO DO 1º CERTAME GALEGO DAS ARTES POLA IGUALDADE DE XÉNERO "RELATOS"

Este sábado 14 de xuño foi un día moi especial para todos e todas nós. Recollíamos un premio por un relato feito entre todos había unhas semanas. Se importante era ese recoñecemento aínda o era máis porque a persoa á que se lle adicaba este ano era Helena Villar Janeiro. E ela estaba alí!!!. Para os que seguides este blog sobra dicir o especial que é para min e para os meus nenos e nenas que esta gran muller estivera onte alí.
Sei perfectamente que estarían de moi boa gana os 11 alumnos que participaron nesta historia. Non puido ser pero houbo unha representación que foron Xulián, Noa e Érika. Agradecerlle a esas familias que se achegaran ata San Sadurniño onte pola mañá e ao resto decirlles que sei que estabades co voso pensamento. A todos e todas moitas grazas!!!.
Levaba algo parecido a un discurso que paso a deixalo aquí tal cual o dixen alí:

"Moi bo día. Hai uns meses e a través das redes sociais, coñecín a Helena Villar Janeiro, persoa a quen se lle adica esta convocatoria de Certame que nos trae hoxe ata este emblemático Pazo da Marquesa de San Sadurniño.
Teño que dicir que quedei engaiolada con esa maneira de ser, de ver a vida, de afrontar o futuro, da forza que transmite, da súa beleza interior, das gañas de seguir ensinándonos e desa grande humanidade.
Este acontecer reflexouse nunha investigación humilde no meu traballo e cos nenos e nenas de 1º de Primaria do CPI Monte Caxado das pontes, o noso cole.
Ser mestra é esa fermosa profesión que nos une e que nos permite educar, ensinar e sobre todo aprender día a día cos nosos alumnos.
Cando un día vin esta convocatoria de Certame pola Igualdade tiven moi claro que íamos participar por varios motivos: 
1. O nome de Helena Villar Janeiro é moi grande para nós. Os seus libros de "Raúl" e "Un rato na casa" sonnos ben familiares.
2. O tema que había que tratar tamén nos era coñecido  xa que esa teima é unha constante no meu día a día e reflicte directamente na didáctica de aula.
3. O grupo de nenos e nenas de 1º teñen ideas e gañas para facer o que se propoñan. E por enriba, neste caso o fútbol, é un deporte no que participan tanto elas como eles.
Así foi como naceu esta historia da "Amizade de Lois e Ana". Todos aportamos ideas, temáticas, nomes para os protagonistas, títulos. De todo o recollido votamos e así foi nacendo este relato que, finalmente, quixemos poñerlle imaxes facendo debuxos que ilustrarían esta pequena creación.
Estou convencida que educanndo en valores dende tan pequenos conseguiremos un futuro mellor, que tan necesitados estamos delo.
Moitas grazas por este premio: ao xurado, á empresa Bolboreta Animación por esta fermosa iniciativa, ás nenas e nenos da miña clase xunto coas súas familias que fixeron posible que estemos hoxe aquí e a todos os presentes por escoitarme. 
Dou paso aos verdadeiros protagonistas que queren dicirvos algo".

XULIÁN: De parte de toda a nosa clase queremos dar as grazas por este premio. Gustaríanos que Helena levara un recordo de todos nós que fixemos con moito cariño.
ÉRIKA: Xa está feito dende o 23 de abril que foi cando limos na aula o libro de "Raúl". E tanto nos gustou que traballamos para facer este libriño coa idea de poder entregarllo algún día.
NOA: Estamos moi ledos de podelo facer hoxe aproveitando este día tan especial para nós. moitas grazas e estades todos e todas convidados a visitarnos ao noso cole.
PremioHelena - Movie Maker





viernes, 13 de junio de 2014

VISITAMOS O MUSEO DO XOGUETE

Esta mañá saímos de novo polo pobo. Esta vez esperábanos Ribeira para amosarnos e explicarnos todo o que el ten nese máxico espazo adicado aos xogos, xoguetes, inventos, ciencia...
Merece a pena facer unha visita a ese bonito lugar. Todos viñemos encantados. E temos que apuntar que todo, ou case todo, está feito de material reutilizado e reciclado. De verdade que tedes que pasarvos por alí!!!.
Moitas grazas, Ribeira, por adicarnos ese tempo que ben sei que o fas con moito gusto.



jueves, 12 de junio de 2014

PASEO ATA O LAGO

Hoxe a clase de Educación Física converteuse en algo diferente. Non era a primeira vez que o facíamos pero con tan bo tempo sí . Fomos de camiñata ata o lago os cursos de 1º e 2º co profe Pedro. A verdade é que chegamos cansos pero disfrutamos mollándonos os pés e xogando no campo e na area. 





lunes, 9 de junio de 2014

FESTA VOZ NATURA

O sábado día 7 de xuño tivo lugar a Festa Voz Natura no lugar de Acea da Ama como se ven facendo nos últimos quince anos.É a festa do Medio Ambiente na que participan tódolos coles e asociación de Galicia que están no programa Voz Natura. Este ano foron 6 familias da clase de 1º, e iso alégrame moito. Foi unha xornada de lecer na que puideron disfrutar dun montón de actividades programadas para eles. Podedes ver a nosa exposición con diferentes traballos feitos ao longo do curso.

viernes, 6 de junio de 2014

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE: A NOSA EXCURSIÓN

Onte, 5 de xuño, conmemorábase esta data medioambiental tan importante. E a nosa mellor manera de celebralo foi organizar a excursión de fin de curso indo á Granxa escola da Casa Grande de Xanceda e ao Museo de Brañas de Valga. Ata alí fomos en dous autobuses o alumnado dende 1º a 4º de primaria con 6 mestras. Tivemos unha xornada cun tempo estupendo que nos permitiu disfrutar tanto da experiencia nesta granxa ecolóxica na que aprendimos tanto e logo pola tarde visitar o Museo de oleiría de Brañas de Valga e facer obradoiros co barro.
Como tantas cousas fixemos case vos deixamos cun collage de fotos que van a amosarvos de mellor forma o que aconteceu esa xornada. Foi intensa pero moi aproveitada.
E xa me diredes se a nosa excursión está relacionada co Medio Ambiente!!!!
Ah!! Non podemos esquecer os agradecementos: ás mestras acompañantes, a maiores das titoras, que foron Blanca e Angeles. Aos conductores dos autobuses e pola parte de 1º un pouco máis a Pablo que botou unha man en toda a visita que fixemos á granxa. E, como non, ás monitoras encantadoras que nos guiaron, amosaron e ensinaron tanto na granxa como no museo. Moitas grazas a todos eles!!!!!!
Nas dúas primeiras composicións podedes ver parte do que fixemos pola mañá na Casa Grande de Xanceda. No último hai unha pequena mostra do que disfrutamos en Brañas de Valga.