sábado, 31 de enero de 2015

ACTIVIDADES NO DÍA DA PAZ

Nesta semana fixemos cousas relacionadas coa conmemoración do Dia da Paz. Unha delas foi completar un pentagrama xigante na subida das escaleiras do centro. Para elo decoramos e recortamos unha nota musical que logo, xunto con outros cursos, colocamos nese pentagrama.
Tamén contamos con Loli e Teo que viñeron a contarnos un contiño relacionado con esta data. Completamos, por equipos, un debuxo do homiño de papel con palabras e debuxos que xa faláramos na asamblea. Xa o finde pasado levamos o encargo de investigar sobre o Día da Paz.
O que nos quedou moi clariño é que o concepto de PAZ non é soamente para un día ao ano senón que hai que levalo á práctica todos os días.



viernes, 30 de enero de 2015

PAZ: FERMOSA PALABRA

 O día 30 de Xaneiro conmemórase a morte do líder nacional e espiritual da India, o Mahatma Gandhi, o 30 de Xaneiro de 1948, asasinado a tiros por un fanático hinduista.
 Tamén celebramos nesta xornada o Día Escolar da Non-Violencia e da Paz. Este foi fundado en 1964 polo Inspector de Ensino Lorenzo Vidal. É definida como unha xornada educativa de pacificación, co fin de levar aos educandos polo medio da reflexión persoal ao descubrimento da mensaxe fundamental de que "o amor é mellor que o odio, a Non-violencia mellor que a violencia e a paz mellor que a guerra"




lunes, 26 de enero de 2015

DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL

Este luns adicámoslle un tempiño na nosa asamblea matinal falar do que pescudaran sobre a celebración desta data. Todos nós estamos tan concienciados do que hai que facer para o coidado do noso Medio Ambiente que logo de expresarnos coa palabra quixemos facer un debuxo  indicando actividades en pro deste coidado ao noso Planeta. Logo fomos a pegalas no mural da nosa mascota Amiña.

domingo, 25 de enero de 2015

DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL

A educación ambiental é unha corrente internacional de pensamento e acción cuxa meta é procurar cambios individuais e sociais que provoquen a mellora ambiental e un desenvolvemento sostible. Dende hai máis de 30 anos é considerada unha ferramenta estratéxica nas políticas ambientais desde o ámbito internacional ao local ou rexional. Este luns 26 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, nun momento en que a súa continuidade nos programas educativos está posta en cuestión, (anaco da nova saída no xornal praza pública hai xusto un ano).



jueves, 22 de enero de 2015

MÉRCORES NA BIBLIO

Voltamos a visitar e disfrutar da nosa estupenda biblioteca. Os mércores adicamos unha sesión a ler nos libros que atopamos nas estanterías do recuncho dos peques. Como nos gusta facer esta visita!!!!. E o que disfrutamos e aprendemos!!!!!!




viernes, 16 de enero de 2015

APRENDENDO A FACER O CALDO

No horto do noso cole xa temos fermosos grelos. E xuntando as fabas e as patacas que recollemos en setembro decidimos facer un plato típico tanto do tempo de inverno no que estamos como da nosa terra. Non esquecimos ningún paso e o resultado foi un caldo rico, rico!!!!
Podedes ver como traballamos e como disfrutamos logo comendo. Bo proveito!!!!.
Dá gusto ver como aproveitamos a colleita da nosa horta!!!