lunes, 28 de mayo de 2012

ROTEIRO POLO CANEIRO E RÍO EUME

Este martes fixemos unha andaina o alumnado de 1º e 2º ciclo de primaria xunto con 7 mestres e un grupiño de membros do grupo de sendeirismo O CAXADO. É o cuarto ano que facemos esta camiñata dende AMA e o departamento de E.F. de primaria.
O bo tempo acompañounos e puidemos disfrutar dunha xornada estupenda en medio da natureza. Contemplamos a fermosura da vexetación, dalgúns bichiños que fomos atopando, do río e da súa música, da fervenza, das pequenas pontes…
Un grupo de alumnos quedou na área recreativa do Caneiro onde merendaron e xogaron, pero os nenos e nenas de 3º fixeron o tramo 2º de subir ata a Vacariza e nese percorrido ver unha fermosa fervenza que non estaba moi accesible.
Temos que dar as grazas á xente do grupo O Caxado con Chucho ao frente, que colaboraron con nós desinteresadamente e con moito agarimo cos nenos e nenas.
Resultou unha xornada moi gratificante.
MOITAS GRAZAS!!

jueves, 24 de mayo de 2012

DÍA EUROPEO DOS PARQUES: VISITAMOS O BAÑAL

Hoxe conmemórase o Día Europeo dos Parques. E como o noso centro ten o seu parque particular alá nos fomos un bo grupo de rapaces. rapazas e mestras.Nese grupo estabamos nós que disfrutamos cunha actividade na natureza. A idea era visitar as árbores que plantáramos o curso pasado. Eran os buxos que fan a forma de labirinto da tartaruga. Comprobamos que estaban todos e que medraran. Aboámolos e regámolos. Aproveitamos que o día estaba moi solleiro para merendar e xogar.
Tedes que visitar esta paraxe que está ben fermosa!!

miércoles, 23 de mayo de 2012

NO HORTO

XA TEMOS O HORTO PREPARADO PARA PLANTAR!!.
Temos que agradecer a algúns pais e ao conserxe que traballaron arreo para renovar o horto que tíñamos . Para elo desmontaron o que tíñamos para poder engadir máis terra , poñer novas táboas e aboar con esterco.
Desta maneira puidemos ir esta semana a plantar algunha verdura como brécol, pementos, espinacas, acelgas e leitugas. Iremos vendo como medran a ver se podemos ter algún produto antes de rematar o curso.
Moitas grazas a eses pais que fixeron este estupendo traballo!.



miércoles, 16 de mayo de 2012

PREMIAD@S NOS CONCURSOS DO RECICLADO E DAS LETRAS GALEGAS

Quero felicitar a todos e todas, nenos e nenas de 3º, polos traballos feitos tanto no reciclado como nas Letras Galegas. Xa saben que para min son todos gañadores porque o importante é participar. Dito esto sí que debemos dar a noraboa especial a quenes levaron un premio nesta nova edición dos dous concursos.
Así pois nomeámolos de seguido:
Alicia, Tomás, Antía, Xoel, Elia e Alejandra.
E a seguir traballando como ata agora!!!


viernes, 11 de mayo de 2012

FESTIVAL DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe celebramos, de forma anticipada, o festival das Letras Galegas. Foron dúas horas nas que puidemos disfrutar de tódalas actuacións nas que participamos todo o noso cole. Todas estiveron moi ben: a lectura de poemas, os bailes, as cancións tanto cantadas como instrumentadas, os presentadores. E todo estivo moi ben organizado. NORABOA a tod@s xa que merece a pena felicitarnos. E pasando á actuación das nenas e nenos de 3º, teño que felicitalos dobremente porque o fixeron superben e souberon disfrutar de todo o festival. Un BRAVO! ben forte para tod@s vós

miércoles, 9 de mayo de 2012

VISITAMOS ASPANAES

No día de hoxe puidemos disfrutar dunha actividade ben completa. Fomos de invitados ao cole de ASPANAES.
 Chegamos en bus e alí estaban esperando Tania, David, Marcos e Roque (faltaba Senén) e as súas profes Cristina, Tania e o profe de música, Juan. Compartimos algo máis dunha hora xogos, diversión, intercambio de traballos, unha exquisita merenda, fotos....Xa cando marchabamos agasalláronnos cun conto ben chuli.
 Pero sobre todo e máis importante, entendemento, cariño e complicidade. Amosaron os recunchos que alí hai e está claro que teñen un cole ben bonito. Seguro que voltaremos máis veces.
MOITAS GRAZAS POR TODO!!!!!





sábado, 5 de mayo de 2012

BAILAMOS HIP HOP

"Apréndeo...". Canta e baila con Aid.


viernes, 4 de mayo de 2012

V CERTAME BULIQUEIRAS

Este ano o tema para os traballos do concurso das Buliqueiras versaba sobre CUNQUEIRO. Logo de traballar a figura e parte da obra deste persoeiro galego tan emblemático démoslle voltas a ver que poderíamos facer en grupo para presentar a este concurso. Tomamos a decisión de facer poemas sobre do que estivéramos falando na clase. Desta maneira saíronnos varios poemiñas aos que lle engadimos debuxos alusivos e convertímolos nun libro de "POEMAS PARA CUNQUEIRO". A verdade é que non debeu de quedar tan mal xa que levamos o 1º premio na nosa categoría. Noraboa para nós e tamén para as clases de 3 anos e 1º de primaria así como a tres alumnos de 1º de ESO (Carmela, Cristina e Miguel). Todos eles do noso centro. Na tarde de hoxe fomos a recoller o premio ao cine Alovi logo de ver unha obriña titulada "Merlos".