sábado, 28 de marzo de 2020

TODO VAI SAIR BEN

Levamos dúas semanas sen vernos e faiseme un tempo moi longo. Sei que estades todos e todas ben e iso é o máis importante nestes momentos tan extraordinarios que nos tocou vivir.
Quero pensar que sairemos deste problemón con moita máis forza e ganas das que sempre tivemos.
Extraño a vosa presenza, as vosas risas, as exposicións tan bonitas e curradas, as preguntas e dúbidas, o que aprendo eu de vós, a vosa solidariedade, as vosas inquedanzas, as charlas persoais, algún enfado (moi poucos), a vosa alegría de vivir e de resolver todo por moi complicado que sexa.
Sodes moi grandes e ...sabedes que?...que son moi afortunada de ser a vosa titora porque sei que sodes un grupo de nenas e nenos que marcaredes un futuro nunha sociedade tan necesitada de valores: medioambientais, culturais, amor pola natureza e pola nosa terra, de amizade, solidariedade, compañeirismo, aprendizaxe cooperativa...
Non permitades que este virus nos venza, temos que estar máis unidos que nunca para derrotalo. Que a vosa familia sexa o espello onde mirarvos sempre. De todo isto imos aprender moito, pero debemos facelo dende o positivismo, dende o corazónm e da capacidade de fortaleza que tedes todos e todas vós.
Quérovos moito e prontiño imos voltar á normalidade do día a día. Moita forza.
Bicos e apertas da vosa titora
Fina Blanco Antelo









Esta última foto é de hai un ano...así todos xuntos e fóra das catro paredes será como nos voltaremos a ver


lunes, 23 de marzo de 2020

SEGUIMOS CONFINADOS CON BOAS RECOMENDACIÓNS

Bo día e bo comezo de semana. Seguimos estando en contacto. Esta vez enviando unhas recomendacións do equipo de mestras e mestres de 6º


Na aula virtual do cole podedes atopar tarefas das diferentes áreas cada semana. Tede en conta que non son obrigatorias, nen avaliables, pero si recomendables.
É importante tamén que tratedes de establecer rutinas diarias de traballo para cada un dos días da semana:
*  Procurade ter un horario fixo para o estudo, mellor pola mañá. Para que así  a volta ao cole non se faga tan dura.
* No día a día, mantede as rutinas familiares habituais dun día lectivo (aseo, vestido, comidas, tarefas da casa,...)
* Tamén debe de haber un tempo para a lectura, a mellor ferramenta para transmitir sabedoría.
Podedes atopar na rede moitos recursos educativos, culturais e de lecer e que cada familia poderá seleccionar segundo os seus intereses, algúns exemplos deles son:
Seguide atentos á páxina web do centro, onde poderán aparecer novas de interese:

Graciñas pola vosa colaboración familias, nenas e nenos.
Aperta e bico virtual


lunes, 16 de marzo de 2020

EU QUEDO NA CASA

Bo día. Estamos vivindo unha situación anómala e descoñecida. Parece que imos estar varios días sen poder ter unha actividade normal. Pero imos ser obedientes e cumplidores coas normas e desa maneira poder retomar a normalidade canto antes.
Aproveitade para ler moito e ir facendo repaso de cousas traballadas neste par de semanas últimas. Deixo aquí algún vídeo do que estabamos a facer na aula.
Un bico para vós.