lunes, 24 de mayo de 2010

ROTEIRO POLA DESEMBOCADURA DO RÍO SOR

Esta mañá de luns fixemos unha camiñata de algo máis de unha hora por un tramo das Ribeiras do Sor: dende Negradas ata O Barqueiro. Fomos catro cursos de primaria (1º, 2º, 3º e 4º) con catro mestres. Tamén nos acompañou Noelia como nai de David.
Esta actividade fixémola aproveitando a data do calendario medioambiental que adica este día ao Día Europeo dos Parques Naturais e que xa tíñamos programada dende AMA e o Departamento de E.F. de primaria.Hai que lembrar que as Ribeiras do Sor están declaradas como Espazo Natural Protexido.
Tivemos un tempo estupendo con moita calor e a experiencia de pasear entre a natureza mezclando río, mar, bosque, rural, pobo mariñeiro e ganas de ver e aprender cousas diferentes foi moi positiva.
A verdade é que cando chegamos ao porto do Barqueiro xa había ganas de descansar e de tomar un tentempé. Está claro que todos e todas foron uns campeóns xa que fixemos o traxecto en algo menos de tempo do previsto.
Quedaron ganas de voltar a facer un novo roteiro para o vindeiro curso!!!!!!!!!!!!!



Esforcémonos todos e todas en poñer en valor a fermosa natureza da que estamos rodeados.

DÍA EUROPEO DOS PARQUES NATURAIS

Este día celébrase en toda Europa, en conmemoración da creación dos primeiros parques de Suecia no mesmo día do ano de 1909.

Cada ano hai varias actividades nas áreas protexidas do continente para facer fincapé nos valores naturais e culturais e para dar a coñecer a importancia de protexer esas áreas.

viernes, 21 de mayo de 2010

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: CERTAME "AS BOLIQUEIRAS"

Este venres foi a entrega de premios do III Certame das Boliqueiras. Nós presentamos un traballo que tiña que ver co tema proposto "divírtome coa lingua" e que levaba por título " Adiviñas da primavera". Fomos case toda a clase a recoller o 2º premio que nos deron na nosa categoría.
O acto estivo moi completo, veuno a presentar o escritor e mestre Antón Cortizas que tamén entregou todos os premios. Foi amenizando esta entrega con adiviñas ben graciosas.
Do noso cole tamén estaban nenos e nenas de outras dúas clases que resultaron igualmente premiadas e eran a de 2º de primaria e a de 5 anos de infantil xunto coas profes Oliva, Marita e Marga. Igualmente houbo un premio para un alumno de secundaria do noso cole.
Como remate deste acto puidemos ver unha obra de teatro titulada " Contos mariñeiros"que resultou moi entretida.
A verdade é que disfrutamos dun acto de recoñecemento da nosa lingua que mereceu a pena estar nel.
Moitas grazas a todos: alumnos, alumnas, pais e nais que se pasaron polo cine Alovi este venres.






jueves, 20 de mayo de 2010

SEMANA LETRAS GALEGAS : EXPOSICIÓN E OBRADOIROS

O xoves fomos ver unha exposición de artesanía no Mercado Vello promovida pola

Asociación de Artesáns do Eume na que vinculan ao poeta do Courel, Uxío Novoneyra, coa artesanía.

A exposición xira arredor da figura do homenaxeado, relacionando os seus poemas coas pezas dos artesáns nunha dualidade poesía-artesanía e abarca todo tipo de técnicas (pirogravado, torneado, talla de madeira, encaixe,...) e materiais (pedra, madeira, tecidos...).

Participamos nesta actividade o alumnado do 1º ciclo de primaria. Resultou moi didáctica, divertida e entretida. Puidemos elaborar unha flor reutilizando papeis de xornal e facer o noso nome nunha peciña de madeira por medio do pirogravado.Tamén agasallaron co libro recén presentado “Manuel na feira de artesanía”. Trátase dun conto infantil feito pola artesá Lourdes Acera.

Estivo todo xenial. Moitas grazas a todos estes artesáns pola paciencia e adicación.




miércoles, 19 de mayo de 2010

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: TEATRO

Foron moitas as actividades que fixeron referencia a este tema e que desenrolamos esta semana.
Comezamos asistindo, este martes, a unha entretida obra de teatro no Alovi titulada "Dos pallasos en apuros" e que estaba promovida pola ANPA do noso centro. Foi moi divertida . Nela puidemos ver un Quijote e Sancho un tanto especiais, tamén representaron a un Guillermo Tell con moi pouca puntería e rematamos vendo unha parella de dentistas con moi pouca mañá. A verdade é que o bo humor estivo ben servido.


lunes, 17 de mayo de 2010

UXÍO NOVONEYRA : POETA GALEGO

Este ano adícase o 17 de maio ao poeta que dende o seu universo da montaña cantou a forza da galicia enteira.
É sumamente importante que esta homenaxe a este persoeiro sexa nun ano tan crítico para a nosa LINGUA, logo do seu poema "Letanía de Galicia".
É preciso que tod@s, galegos e galegas, recapitulemos co que está a pasar neste mundo de tanta incoerencia. Non sei o que será normal pero sí sei que, dende o ensino ( palabra ben fermosa, por certo) temos que facer a forza suficiente para que a nosa riqueza cultural, patrimonial, de sentemento, dos nosos antergos, dende o respeto, dende o amor, dende a tolerancia, dende a non permisividade, dende o profundo do noso ser.....sigamos mantendo VIVO o ben máis auténtico que é a nosa lingua : O GALEGO.
Fagámolo por xente como Uxío e tantos outros que traballaron en prol dela pero sobre todo fagámolo por nós mesmos e non perder a nosa verdadeira identidade.
Os nosos antergos merécenno e os nosos fillos igual.
NON O DEIXEMOS ESMORECER!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

17 DE MAIO EN COMPOSTELA

Teño esperanza de que chegue un ano no que o de ir a Santiago un día coma hoxe sexa para dar un paseo, visitar unha cidade ben fermosa, verte cos amigos,...
Hoxe foi un día moi especial. A climatoloxía acertou de pleno e a Plaza do Obradoiro, emblemática onde as haxa, encheuse de xente que queremos a nosa lingua e que reclamamos que se lle dé a importancia e valía que se merece. Nen máis nen menos.
Estivo ben estar alí, pero como ben dicía Uxío Novoneyra, estaba moito mellor non ter que estar.